NOTA: todo o impreso en letra vermella é o específico para o persoal laboral.
CAPÍTULO IX ACCIÓN SOCIAL
Artigo 29.- Contido das prestacións.
Consideraranse como pretacións de accions sociais todas aquelas que outorgue o Concello dirixidas á mellora-lo benestar social dos empregados da Corporación e as súas familias.
Artigo 30.- Fondo de Acción Social.
A fin de mellora-lo benestar social do seu persoal a Corporación municipal establecerá un fondo de acción social que será xestionado polo órgano previsto no artigo seguinte, e que se destinará a financiar accións e programas de carácter social e que estará dotado cunha cantidade anual de 40.000.000.- ptas.
Ademais constituirase un fondo adicional por importe de 10.000.000.- ptas., ó que se lle acumula a parte non consumida nun exercicio ó seguinte, para facer fronte a sucesos graves e extraordinarios que lle poidan ocorrer ó persoal do cadro ou á súa familia Bcónxuxe e fillos- . As asignacións con cargo a este fondo serán finalistas e deberán ser debidamente xustificadas polo/a beneficiario/a.
Artigo 31.- Comisión Xestora do Fondo de Acción Social.
Estará integrada por tantos membros como sindicatos ou agrupacións electorais conten con representación no Concello, asinantes ou adheridos ó acordo, os cales actuarán con voto ponderado en función da súa representatividade.
Asistirán como asesores un diplomado en traballo social e un técnico dos Servicios Económicos da Corporación.
Será convocado ás sesións que se realicen o concelleiro-delegado de Persoal e o de Acción Social.
A comisión elixirá no seu seo un presidente e un secretario que será a persoa encargada de redacta-las actas das reunións, que serán remitidas á Comisión de Goberno municipal para o seu coñecemento a través da Unidade de Persoal. Sen prexuízo do anterior, para a tramitación das axudas por parte da Unidade de Persoal, será preciso que á petición se achegue o acordo polo que se concederon. Estas axudas derivadas das accións e programas aprobados aplicaranse con criterios de obxetividade, con base nos principios de igualdade, solidariedade e publicidade.
A comisión previamente ó inicio dos seus traballos deberá elaborar un regulamento de funcionamento que deberá ser aprobado pola Corporación.
Así mesmo, anualmente a comisión redactará e aprobará ó principio de cada ano os programas e accións xenéricas para concesión de axudas, que deberá ser aprobado pola Comisión de Goberno municipal, que poderá rexeitar aquelas propostas que non se axusten ós ditos programas.
A comisión manterá permanentemente a disposición da Corporación e do alcalde a información que permita coñecer en cada momento o estado de execución dos programas e accións do fondo.
Artigo 32.- .- Plan de pensións.
Durante a vixencia do Acordo a aportación municipal ó Plan de Pensións do seu persoal do cadro será a mesma que a que achegue cada un deles, cun límite máximo de 7.000.- ptas. e un mínimo de 2.000 ó mes, en catorce pagas.
O tope máximo increméntarase anualmente na mesma proporción que o fagan as retribucións na Lei de presupostos do Estado.
Artigo 33.- Incentivos á xubilación anticipada.
A xubilación producirase ós 65 anos de idade, sen prexuízo das posibilidades de prórroga no servicio que autorice a lexislación vixente .
A xubilación voluntaria antes de cumpri-la dita idade, e sempre que legalmente sexa posible, dará lugar a unha indemnización polos seguintes importes:
Se se xubila ós 60 anos: 1.500.000.- ptas. Se se xubila ós 61 anos: 1.300.000.- ptas. Se se xubila ós 62 anos: 1.000.000.- ptas. Se se xubila ós 63 anos: 800.000.- ptas. Se se xubila ós 64 anos: 600.000.- ptas.
Artigo 34.- Axudas para fins culturais e deportivos.
O Concello colaborará en todo tipo de iniciativas ou accións do seu persoal de carácter cultural ou deportivo, polo que para tal fin contemplará nos seus presupostos anuais a cantidade de 1.000.000.- ptas.
Artigo 35.- Cobertura de continxencias especiais.
O Concello consignará no seu presuposto anual os créditos suficientes para sufraga-lo custo da póliza do seguro de asistencia médico-sanitaria do seu persoal cando se desprace a países nos que estea continxencia non esté cuberta pola Seguridade Social e para o aseguramento do risco da perda do carné de conducir dos conductores municipais no exercicio da súa función.
Considerase conductor municipal a efectos da cobertura a todo aquel que de forma habitual conduza automóbiles propiedade do Concello ou do propio empregado, por razón da súa función e en exercicio da mesma.
A contía da indemnización será de 25.000.- ptas. mensuais. Establécese un período máximo de aboamento de 12 meses.
Deberáse presenta-la oportuna declaración ó Concello nos sete días seguintes a que se produza a resolución da retirada do carné de conducir, e que esta non fose debida a extralimitación, abuso de autoridade, dolo ou neglixencia grave no exercicio das súas funcións.
Artigo 36.- Asesoramento e defensa do persoal.
O Concello a través dos seus servicios xurídicos ou con profesionais contratados prestará asesoramento e defensa xurídica ó persoal nos litixios derivados de feitos ocorridos como consecuencia do desenvolvemento das funcións propias do seu cargo, sen prexuízo do reembolso das cantidades que procedan se se demostrase na sentencia que existiu por parte do funcionario extralimitación, abuso de autoridade, dolo ou neglixencia grave, no exercicio das súas funcións.
Artigo 37.- Aseguramento da responsabilidade civil do persoal do cadro.
O Concello comprométese a subscribir unha póliza que garanta a responsabilidade civil do seu persoal do cadro no desenvolvemento dos seus cargos, e mesmo a sufragar directamente a parte non cuberta pola póliza, sempre e cando a responsabilidade non se derive de dolo ou culpa daquel.