NOTA: todo o impreso en letra vermella é o específico para o persoal laboral.
CAPÍTULO XIV REPRESENTACIÓN UNITARIA
Artigo 53.- Órganos de representación.
A representación do persoal correspóndelle ó Comité de Empresa-Xunta de persoal, que estará integrada polo número de membros que resulte en función do número de funcionarios-empregados/as da entidade, segundo o baremo previsto no artigo 8 da Lei 9/1987, do 12 de xuño e no Estatuto dos traballadores.
Artigo 54.- Facultades da Xunta de persoal, do Comité de Empresa e dos seus membros.
Serán as previstas no artigo 9 da Lei 9/1987 do 112 de xuño, así como calquera outra prevista na lexislación vixente, e do Estatuto dos traballadores.
Recoñécese o dereito de que o Presidente da Xunta de persoal, ou membro daquela en quen delegue, participe con voz e sen voto nas sesións da Comisión Informativa de Réxime Interior.
Artigo 55.- Garantías dos membros do Comité de Empresa.
Son as previstas especificamente no art. 11 da Lei 9/1987, do 12 de xuño e do Estatuto dos traballadores. En canto ó dereito de dispoñer dun crédito de 40 horas mensuais retribuídas como de traballo efectivo, cada sindicato ou agrupación electoral poderá acumulalas no membro ou membros que indique.
Non se computarán como horas sindicais as que se utilicen para negociacións de pactos, reunións con órganos da Corporación ó seu requirimento, así como as de asistencia a órganos colectivos previstos neste acordo e a tribunais de oposicións.
Así mesmo contarán con calquera outro dereito previsto na lexislación vixente.
Artigo 56.- Deberes do Comité de Empresa, Xunta de Persoal e dos seus membros.
Os membros do Comité de Empresa e este no seu conxunto, deberán gardar sixilo profesional naqueles asuntos nos que Administración sinale expresamente o seu carácter reservado, aínda despois de expira-lo seu mandato.
En todo caso ningún documento reservado e entregado pola Administración poderá ser utilizado fora do estricto ámbito da Administración ou para fíns distintos ós que motiva a súa entrega.
Artigo 57.- Lexitimación para iniciar procedementos.
Recoñéceselle ó Comité de Empresa e Xunta de Persoal, colexiadamente, por decisión maioritaria dos seus membros, a lexitimación para iniciar como interesados os correspondentes procedementos administrativos e exercita-las accións e vía administrativa ou xudicial en todo o relativo ó ámbito das súas funcións.