NOTA: todo o impreso en letra vermella é o específico para o persoal laboral.
CAPÍTULO I .- CLAUSULAS XERAIS
Artigo 1.- Ambito de aplicación
O presente acordo será de aplicación ás relacións entre a Corporación municipal e os empregados ó seu servicio integrados no seu cadro de persoal.
Artigo 2.- Período de vixencia.
O acordo unha vez aprobado polos órganos municipais competentes será publicado de inmediato no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia, e remitido á oficina pública á que se refire o art. 4 en relación coa disposición final 10 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto de liberdade sindical, entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1999, unha vez cumpridos os anteriores trámites.
A súa vixencia será de catro anos a partir da súa entrada en vigor.
Só poderá quedar sen efecto en todo ou en parte, cando unha lei modifique o seu contido.
Se a lei contase con vixencia temporal, o acordo ou as partes afectadas no seu caso, recobrarán a súa eficacia cando desapareza a daquela.
Artigo 3.- Prórroga e denuncia do Convenio.
O presente acordo considerarase tacitamente prorrogado por períodos anuais, salvo que mediase denuncia de calquera das partes cun prazo de preaviso de tres meses respecto á data de finalización da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas.
Artigo 4.- Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio.
A Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio constituirase dentro do mes seguinte da súa entrada en vigor. Estará integrada paritariamente por representantes da Corporación e dos sindicatos con representación no Concello, cun máximo de 5 membros por cada parte. Serán elixidos segundo acordo de cada unha das representacións que contarán con voto ponderado.
A comisión estará asistida polo secretario xeral da Corporación ou funcionario en quen delegue, que deberá redacta-las actas das sesións, as cales serán aprobadas na seguinte sesión.
Ámbalas dúas partes poderán asistir ás reunións acompañadas de asesores, cun máximo de 2 por cada representación.
Os acordos da Comisión Paritaria adoptaranse en todo caso por unanimidade e aqueles que interpreten o convenio terán a mesma eficacia que a norma interpretada, sen prexuízo da súa aprobación pola Corporación municipal se supuxese modificación do convenio.
A comisión reunirase alomenos unha vez ó trimestre e cando o solicite calquera das partes, e as normas do seu funcionamento interno serán aprobadas pola propia Comisión.
As funcións que ten encomendadas son as seguintes:
- Vixilancia e seguimento do cumprimento do acordo/convenio
- Interpretación da totalidade dos seus
- A instancia dalgunha das partes mediar ou tentar conciliar, no seu caso, e tamén arbitrar, tralo acordo expreso das partes, en cantas cuestións e conflictos de carácter colectivo poidan suscitarse na aplicación do presente acordo. Para realizar esta función a Comisión contará cun prazo máximo de 20 días hábiles. O anterior prazo reducirase para permitir ás partes interpoñe-los recursos e reclamacións que procedan dentro do prazo establecido en cada caso.
No caso de non conseguirse acordos calquera das partes poderá solicita-la
presencia dun mediador, se o estiman oportuno. Tamén, pero sempre de común acordo, poderán designar un árbitro, o laudo do cal será vinculante e contará cos mesmos efectos co acordo obtido no seo da Comisión.
A mediación ou arbitraxe solicitaranse da lista do Consello Galego de Relacións Laborais ou de calquera outro organismo que teña atribuída esta competencia na Administración.
Finalizado o proceso negociador sen alcanzarse acordo, ámbalas dúas partes quedarán en liberdade de actuar segundo os seus intereses e de acordo coa normativa vixente.
Para os efectos do debido control, os acordos da Comisión seranlle notificados ó Concello que poderá ratificalos ou deixalos sen efecto, no caso de que considere que modifican o pacto, sen prexuízo dos recursos que procedan.
Así mesmo os acordos dos órganos municipais que teñan relación co pactado notificaránselle á Comisión para o seu debido control.
Artigo 5.- Natureza do acordo
O presente documento unha vez que entre en vigor, constitúe un todo único e indivisible con base no equilibrio das recíprocas prestacións a que se obrigan as partes e como tal será obxecto de consideración conxunta.